APEHL

Última fin de semana do XV Estase Cocendo

22.03.2023. A Ribeira Sacra finaliza esta fin de semana a celebración do Estase Cocendo 2023, evento patrocinado pola Deputación de Lugo, no que se lle dedica o mes de marzo a un dos pratos estrela da comarca, o cocido.

O programa do evento, organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), conta para este sábado coa última das visitas guiadas por Monforte e co Cocido das Meigas.

A visita sairá dos Escolapios ás 11:00 horas e incluirá unha degustación de viño DO Ribeira Sacra nas instalacións da delegación zona sur da Apehl.

Ás 14:30 horas terá lugar no Parador de Monforte o Xantar das Meigas cun custo de 27 € por persoa. Desde as 18:00 horas ata as 19:30 horas, celebrarase o taller de maquillaxe infantil, para os nenos e nenas de ata 12 anos de idade. A monitora María Jesús Cao será a encargada de impartir este taller, que se realizará no Centro do Viño da Ribeira Sacra de forma totalmente gratuíta.

 Ás 20:00 horas, na praza de España, será o lugar de encontro das meigas, acompañadas de batucada, do Centro de Ensinanzas Artísticas Creativa. Partirán cara ao parque dos Condes, onde Manuela Fuentes, meiga da honra, lerá un manifesto e elixirase a Meiga Maior e Menor do Cocido, da man dun xurado profesional formado por Pilar Rodríguez, artesá e propietaria da tenda En Lá; María Luisa Sobrino, delegada da Asociación Española contra o Cancro en Monforte, e a fotógrafa Paula Fernández.

Para participar nestas actividades é necesaria inscrición previa a través do teléfono 982 412 050.