20.11.2025. A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) celebrará mañá, venres 21 de novembro, a xornada culinaria e festiva Saborea e Canta o Outono na Praza de Abastos de Monforte de Lemos.
Os asistentes poderán gozar, dende as 20:30 horas ata as 24:00 horas, das mellores tapas de Jardín 34, La Table d´Arnaud e O Toxo, acompañadas de Batucada Tukupá e música en directo a cargo de Segunda Parte e GRT.
Ademais, participarán no encontro as adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra Soutelo, Galanteiro, Proencia e Val do Frade, así como a Asociación Lactouros, que realizará unha exposición das diferentes variedades de cogomelos da zona. Tamén haberá un espazo dedicado aos máis pequenos con María Jesús Cao Quiroga.
A cita está patrocinada polo Concello de Monforte de Lemos e dende a delegación da zona sur da Apehl convidan a todos os monfortinos e visitantes a gozar do encontro.