27.10.2023. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, acompañado da concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou esta mañá ás portas do Concello de Lugo a décimo oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo e as súas 38 propostas culinarias.
O certame está organizado pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo, e coa colaboración de Estrella Galicia e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
FUNCIONAMENTO DO CONCURSO
Os prezos das tapas moveranse entre 2,5 e 4 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.
Os consumidores votarán, sempre que sexan maiores de 18 anos, as tapas do concurso mediante o cupón de votación individual, que terá que ir selado polo establecemento correspondente e cuberto cos seus datos. A valoración é do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5, a máis alta. Todos estes cupóns entrarán no sorteo de distintos premios.
A maiores, todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Se o folleto-pasaporte está selado como mínimo por 10 establecementos participantes optarase a unha unha escapada gastro-relax para dúas persoas no Hotel Pazo Los Escudos, de Vigo, e se o folleto-pasaporte está selado como mínimo por 20 establecementos participantes optarase a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Ámsterdam.
GALARDÓNS ÁS MELLORES TAPAS
O público será o encargado de seleccionar o gañador do concurso así como as 12 tapas finalistas. Farao a través dos cupóns de votación que poderá depositar ata o 19 de novembro nas urnas dispoñibles en todos os locais.
Por outra banda, un xurado profesional encargarase de escoller durante os días da final, 24, 25 e 26 de novembro, nos que as 12 tapas finalistas estarán a disposición do público xeral para volver a degustar, cinco títulos máis: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra.
LISTADO DE PARTICIPANTES
Os 38 establecementos que participan nesta edición do Concurso de Tapas de Lugo son os seguintes: