A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo naceu como patronal dos hostaleiros lucenses para ofrecervos un abano de servizos que vos permitan incrementar a competitividade dos vosos negocios e a calidade na atención ao cliente.
Desde un primeiro momento, a Apehl encamiñou este traballo en dúas direccións. Por unha banda, cara ao apoio personalizado ao hostaleiro, concretando en asistencia laboral, obtención e elaboración das listas de prezos, asesoría xurídica, asistencia contenciosa, póliza de seguros colectiva e formación específica do sector. Por outra banda, cara a consecución de vantaxes económicas para os asociados, como importantes descontos en produtos e servizos, froito da sinatura de convenios da Apehl con distintas empresas e entidades.
Non obstante, nos últimos anos vimos desenvolvendo tamén un labor de promoción que, se ben nun principio se cinguiu á promoción da gastronomía lucense, axiña se converteu na promoción de todos os encantos turísticos da provincia de Lugo: patrimoniais, culturais, paisaxísticos etc.
Difundimos os atractivos do conxunto de todos os concellos da provincia en feiras sectoriais, nos medios de comunicación e nas redes sociais. Para iso contamos con publicacións especializadas, como a colección de guías turísticas …E para comer, Lugo, con once volumes xa na rúa; as páxinas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.com, e páxinas de Facebook, Twitter e Instagram. Ademais, organizamos eventos que serven para atraer visitantes, do que constitúen un exemplo recente o Concurso de Tapas de Lugo, as Xornadas Exaltacións Gastronómicas, o Cume Tapas e o Estase Cocendo de Monforte, e participamos activamente noutros eventos que nos permiten coñecer Lugo como destino a outra escala, como é o caso de La Vuelta Ciclista a España, onde un posto propio da Apehl promociona os encantos e a gastronomía da provincia en todas as zonas VIP das saídas de etapa desta competición deportiva.
Por esta razón, seguimos traballando para que aos centros hostaleiros socios da Apehl se unan axentes do sector turístico que operan na provincia para a promoción colectiva de Lugo, unida baixo a marca …E para comer, Lugo.
As portas desta Asociación están abertas!